Saturday 04 de May de 2024

Pecha a Ludoteca de Verán do Concello de Lousame cunha gran festa na que participaron 35 nenos e nenas


 

A concelleira de Ensino lembra que está aberta a inscrición no programa de conciliación Lousame Concilia, que este ano ofrece tamén servizo de tarde sempre que reúna un mínimo de 5 alumnos

As instalacións do CPI Cernadas de Castro de Lousame acolleron esta mañá a festa de fin de curso da súa Ludoteca de Verán, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que está integrada no programa Lousame Concilia. Durante os meses de xullo e agosto, unha media de corenta nenos e nenas de entre tres e doce anos de idade participaron, de 9:30 a 14:30 horas, nun servizo que incluíu obradoiros artísticos, xogos, actividades acuáticas, sesións de zumba, body-jump, saídas á piscina…

Esta mañá tivo lugar unha festa de fin de curso, entre cuxas actividades destacaron unha “Run color” ou “Carreira de cores” na que participaron os 35 nenos e nenas presentes hoxe. Unha actividade na que os pequenos levaban botes de pos de diversas cores e que se lanzaban os uns aos outros mentres corrían polo patio. A xornada incluíu tamén un concerto de guitarra a cargo de Daniel Albores, que interpretou unha mestura de temas infantís e de verán co acompañamento da rapazada.

Tardes do Lousame Concilia

A concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, asistiu á xornada e felicitou ao voluntariado local polo seu inestimable traballo para o desenvolvemento de actividades no municipio. Así mesmo, lembra que o Concello de Lousame ofrece este ano por primeira vez o servizo do Lousame Concilia en horario de tarde (de 15:40 a 17:00 horas) para o coidado dos nenos e nenas do colexio durante o curso escolar, toda vez que a comunidade educativa decidiu optar por un novo horario.

Así, o Concello de Lousame segue a ofrecer o tradicional Lousame Concilia, de 7:45 ata o inicio das clases; e agora ofrece a posibilidade de optar a este servizo nas tardes dos luns, mércores e xoves. Unha oferta válida tanto para días libres como para o resto do curso, sempre que se reúna un grupo mínimo. Neste sentido, Silvia Agrafojo explica que “cando comece o curso enviarase un aviso ás familias, ás que animamos a presentar as solicitudes porque ten que haber un mínimo de cinco rapaces para poder ofrecer o servizo polas tardes”. Unhas solicitudes que se poden recoller tanto no centro escolar como nos Servizos Sociais de Lousame.

Tanto a Ludoteca de Verán como o Lousame Concilia son dous plans organizados pola Concellería de Igualdade de Lousame, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.